A psicoloxía e as mulleres ou o xénero e a psicoloxía

 

O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres é unha data para a celebración, a reivindicación e a solidariedade. Celebración de todos os logros acadados polos movementos feministas e sociais. Reivindicación de moitas ideas e metas que aínda están lonxe de conseguirse, que funcionan como utopías que nos guían polos camiños que imos transitando.  Solidariedade entre mulleres e homes que imaxinamos e traballamos por un outro mundo ben diferente, máis igualitario e xusto.

 

Para a Psicoloxía, tamén esta é unha data importante. Alén de que máis do 80% das estudiantes e profesionais da psicoloxía somos mulleres, e, por iso nestes días tamén estamos de celebración solidaria, as mulleres teñen feito destacadas (e moitas veces descoñecidas) achegas ao saber científico e profesional da Psicoloxía. Sirva de exemplo Mary Whiton Calkin (1863-1930), primeira muller presidenta da APA, en 1905, pioneira na investigación sobre a memoria e o método de pares asociados, que non so abriu paso a outras mulleres na universidade senón que como ela mesma recoñecía “gardou o forte” para as que viñeran a continuación.

 

Integrar a perspectiva de xénero, aprender a mirar e comprender desde o xénero problemas epistemolóxicos, éticos e profesionais é sen dúbida unha oportunidade para enriquecer e reconstruír a nosa disciplina e o quefacer profesional. Recoñecer que a posición de homes e mulleres na sociedade é desigual e que esta desigualdade é responsable do importante malestar psicosocial das mulleres, supón recoñecer que os problemas individuais son a miúdo resultado da posición social das mulleres como colectivo. Esta mirada sobre as causas do malestar individual ten sen dúbida consecuencias na forma de entender, analizar e intervir en diferentes ámbitos da Psicoloxía. Tendo en común en todos os casos que os “problemas”/”malestar” que sufren as mulleres non poden explicarse nen remediarse sen referirse a súa posición (subordinada) na sociedade.

 

Poñer as lentes do xénero, ten creado un conxunto de preguntas, análises e horizontes que non terían saído dunha psicoloxía tradicional androcéntrica ou dunha psicoloxía científica neutra, centrada nun individuo asexuado, respecto de temas tan relevantes como a formación de estereotipos, actitudes e roles sexuais, a ética do coidado e a necesaria xustiza social no reparto equilibrado de tempos produtivos/públicos e tempos reprodutivos/privados, e sen esquecer a prevención e a atención psicolóxica de vítimas de violencia, a intervención con homes que exercen violencia machista, ou o recoñecemento de formas diferentes de exercer o poder e liderazgo público, máis fluidas, creativas e transversais.

 

Agora, como sempre, compre por a atención nos mecanismos que interveñen na construción dos sistemas cognitivos e subxectivos das persoas, nas influenzas que teñen as estruturas culturais no uso, mantemento e xustificación das discriminacións sexuais. Os/As profesionais da psicoloxía temos que dar o paso para intencionadamente, participar, producir e reproducir sistemas de relacións máis democráticos, igualitarios e xustos, que serán tamén, sen dúbida, máis saudábeis e satisfactorios para as mulleres e para os homes.

 

 

 

Mª Rosa Álvarez Prada, Decana

Concepción Fernández Fernández, Coordinadora

da Comisión Intersectorial de Xénero